luns, 19 de febreiro de 2024

A CLASE DE 4 ANOS COMEZA 2024 CON MOITA ENERXÍA!

Comezamos o ano atopando unha montaña de agasallos e unhas pegadas misteriosas que estivemos investigando, encántanos pensar hipóteses. Pois resulta que Pupi xuntouse con Papá Noel e os Reis Magos, e trouxéronnos un montón de agasallos. Así que comezamos xaneiro desfrutando de moitas novas propostas e xogos na aula.


Cada día traballamos máis e mellor en equipo, encántanos aprender xuntos e axudarnos uns aos outros. Algo que tamén nos encanta é recibir visitas, e esta semana tivemos na clase aos nenos e nenas de 3º, que moitos son irmáns da nosa clase.
 

Comezamos a semana do 22 ao 26 abrindo un misterioso baúl. A profe díxonos que contiña algo moi valioso, o tesouro máis impresionante do mundo, algo único e especial. Un a un abrimos o baúl e dentro estaba o reflexo de cada un de nós: somos o maior tesouro do mundo!!
Esa semana seguiu moi emocionante, xa que un día apareceron unhas misteriosas pegadas cunha carta de Arnaldo. Despois de darlle moitas voltas, descubrimos que as pegadas eran dunha píntega, e Arnaldo propúxonos uns retos a cambio dun premio. Por suposto aceptamos!!! O primeiro reto era facer uns disfraces de píntegas, así que puxémonos mans á obra. 
Rematamos a semana coa carreira da PAZ na que xuntamos moitos alimentos e, ademais, pasámolo pipa correndo coas familias (premendo AQUÍ podedes ver máis da carreira no blog de Arnaldo).


Despedimos xaneiro e recibimos febreiro traballando duro no noso primeiro reto: facer os disfraces de píntegas. Estábamos tan emocionados, que invitamos ás familias a traballar no cole, para que aos disfraces non lles faltase ningún detalle! 
Con outros compis estivemos plantando e poñendo o cole aínda máis bonito para recibir á primavera (Premendo AQUÍ podedes ver máis no blog de Arnaldo). 
Para conmemorar o día da PAZ na aula fixemos o sol da paz. Fixémolo despois de falar moito sobre as cousas que axudan a que, aínda que fóra chova, na clase sempre brille o sol.
 

Algo moi importante deste mes foi a celebración do aniversario de Iago, que é o primeiro en cumprir 5 anos: que maior!! Parabéns Iago!