luns, 31 de xaneiro de 2022

2022 COMEZA CON FORZA!

 Ola familias!! 

O mes de xaneiro xa está ido, pero exprimímolo a tope, ollade:

Os Reis Magos portáronnse moi ben con nós, trouxéronnos unha chea de agasallos!!

 

 

 

 

Enseguida os estreamos.... teñen moitas posibilidades de aprendizaxe!!



Comezamos a traballar o inverno, e falando de lugares fríos ocorréusenos investigar sobre o Polo Norte...


Decoramos a nosa porta co motivo do Polo Norte:

Aproveitamos a xeada das mañáns para ver o inverno máis de preto... que emoción ver todo xeado!!!

 

 


Os encargados de cada día comezaron a escribir ademais do seu nome o seu primeiro apelido, contan as letras dos mesmos e despois... facemos unha suma de letras!! Xa somos maiores e entendemos que sumar e xuntar!!


Continuamos o mural das portas, completando a árbore de inverno, como aquí non neva, porque estamos preto do mar, pintamoslle pingas de chuvia.





Preparamos a horta para pronto comezar a plantar, recollendo as follas e enterrándoas para abonar a terra.


Como vedes, aproveitamos moitísimo o tempo, facemos puzzles, contamos contiños, traballamos libres nos recunchos, xogamos aos xogos de mesa, bailamos, pintamos...








Visitamos un planetario que nos flipou moito!!

Para festexar o día da paz participamos nuha carreira solidaria, escollemos os nosos dorsais identificando os números, e preparamos una mural para todas esas aportacións que fixéstedes aos máis necesitados:


Mirade que guapos estamos antes da carreira... para saber como rematamos... teredes que esperar un pouquiño mais 😁


xoves, 13 de xaneiro de 2022

DEREITOS HUMANOS

 O 10 de decembro compartimos con todos vós este mural que fixemos os nenos e nenas da clase de 5 anos, pero queremos contarvos todo o traballo que hai detrás deste mural tan chulo.


Estivemos vendo fotos de nenas e nenos do mundo. Cada un collemos unha, ao azar: imaxinámonos onde viviría e puxémoslle nome. 

En asemblea estivemos falando do que pensábamos sobre eles: se algún sería máis importante, máis divertido, máis bo... se algún merecía ter máis cousas... 

Despois collemos unha caixa de cores e cada un colleu unha pintura de "cor carne"... case todos collemos a mesma, xa podedes imaxinar cal... pero decatámonos que non se parecía á pel de todos eses nenos e nenas, así que buscamos as cores da súa pel: e eran todas moi diferentes!!

A profe , utilizando o kamishibai, contounos a historia dos dereitos humanos: como xurdiron e cales son. Entre todos explicamos os que eran máis complicados para entendelos ben e alucinamos cando nos demos conta que moitas persoas no mundo non desfrutan eses dereitos: que inxusto! 

Decidimos facer un mural para contarlle a todos os compis do cole que da igual de que cor sexa a nosa pel, todas as persoas do mundo deberíamos ter os mesmos dereitos. Para ilustrar esta idea fixemos retratos que pintamos de diferentes cores da pel: porque non son todas iguais!!

Decidimos que todos queremos aportar o que poidamos e axudar a que isto se cumpra e se respecten os dereitos de todas as persoas, por iso deixamos reflectidas as nosas mans no mural nas que escribimos moitos dos dereitos universais. 

Neste vídeo contámosvos un pouco máis do que aprendemos: 

Aínda que somos pequenos todos podemos axudar a facer un mundo mellor, agora e cando medremos tamén... E vós que pensades??