luns, 8 de xuño de 2020

ÚLTIMO BOLETÍN ACTIVIDADES 3 ANOS

Ola familias!!!

O curso chega ao seu fin e esta semana é a última das publicacións de infantil, polo que pensamos que era unha boa idea, deixarvos algunhas orientacións e consellos para xogar e traballar cos peques este verán.

Estes "deberes de verán" teñen como obxectivo ser consellos para xogar e gozar cos vosos fillos/as de maneira lúdica e divertida, en calquera situación e contorna, para que continuedes axudándoos a seguir madurando e crecendo nestes meses estivais.


Este curso foi diferente ós demais e por iso teño que dar as grazas polo voso esforzo, o traballo realizado dende vosas casas, a vosa comprensión... pero sobre todo quero resaltar o gran esforzo deses pequenos/as grandes campións que tendes na casa e que souberon e saben levar esta situación cunha capacidade de adaptación sorprendente!!! . Agora é tempo de falar de vacacións, de desfrute, de descanso, e a pesares de que aínda nos queda un pouquiño de tempo, pronto, seguro , volveremos a estar e a desfrutar xuntos!!!


* * * * * * * * * *


"Deberes de verán para toda a familia"

1. Saír ao campo para xogar con paus, pedras, auga, terra... sen medo a mancharvos 

2. Ler contos xuntos, deixar que sexan eles os que nos "lean", confeccionar historias, debuxalas... 

3. Sorrir mesmo neses días nos que vos sacan de quicio, poñer límites ao enfado para pasar por alto algunhas cousas 

4. Ser nenos xuntos: deixar que vos lembren o que é ser nenos e desfrutar xogando (saltar na cama, loita de almofadas, guerras de auga...) 

5. Montar en bicicleta, bailar, xogar un partido, patinar... 
6. Facer xuntos castelos de area na praia 
7. Facer excursión xuntos e visitar sitios novos de cando en vez, non ten que ser algo caro au afastado, pode ser unha tenda, un campo, unha praia... 
8. Ir a algún museo e facer unha visita a súa altura (temos algúns moi preto) 
9. Cazar bechos e aprender deles 
10. Pasear ao seu ritmo e deixar que vos ensinen o que atopen no camiño. 
11. Xogar con eles a xogos tradicionais: saltar a comba, construcións, bolos, cartas, veo-veo, chapas... 
12. Facer pícnics 
13. Compartir as tarefas sinxelas da casa, poñer a mesa, limpar o po, recoller os seus xoguetes, cociñar xuntos receitas sinxelas... 
14. Falar da cor das cousas,da súa forma, tamaño... buscalas na contorna, preguntarlle por elas...
15. Tamén é un bo momento para: 
- Cortar con tesoiras, rasgar, engurrar papel...
- Xogar coas letras (maiúsculas e os números, buscalas nos contos, nos folletos, nos carteis, nas matrículas...)
- Contar obxectos, animais, preguntarlles cantos hai... 
16. Deixar que se vistan sós e mesmo que algún día elixan a roupa, que se aseen sós, que coman sós...(aínda que nós esteamos sempre diante). 
17. Darlle liberdade e autonomía de decisión en todo o que sexa posible 
18. Desfrutar a tope todos os días do verán , cada momento xuntos deixará unha pegada nas súas vidas 
19. Darvos moitos bicos e apertas, e dicirvos cada día o moito que vos queredes 
20. Falar moito con eles e elas, escoitalos, preguntarlles como se senten, sobre o que fixo durante o día,o que máis lle gustou ou sobre os planes para o día seguinte.. (é un bo momento aproveitar a hora de deitalos). 



Moitos bicos e apertas a todos e todas e desfrutade moito as vacacións!!! Verémonos de novo en breve, para gozar e aprender xuntos con máis desexo e forza.

Desfrutade cos vosos fillos e fillas!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario