Comezamos outubro a ritmo total, moi cómodos na aula e con moitas ganas de aprender e desfrutar en equipo. Esa é unha das cousas ás que lle dedicamos moito tempo: tratarnos ben, respectarnos... porque somos como unha familia! Cada día traballamos a mellor ritmo e seguimos desfrutando moito do patio, do xogo libre (con propostas nas que aprendemos moito sen darnos conta) e das posibilidades que nos ofrece o cole (como a biblio na que xa collemos moitos libros e xogos).
Outubro segue e nós xa temos collido o ritmo de facer cada día o caderno do tempo, que nos axuda a ser máis observadores, e tamén a traballar as mates de forma práctica. Entre as actividades especiais que fixemos destacamos un obradoiro de cociña no que, coa axuda do profe Óscar, fixemos unhas galletas deliciosas no Argalladoiro do cole, que ten unha cociña chulísima! Neste vídeo veredes o ben que traballamos en equipo: así é todo máis fácil!
Esta semana tivemos un obradoiro moi especial, con David e Yolanda de Arenaria, no que falamos da ciencia e dos seus procesos, para meternos de cabeza no proxecto deste curso: "Argallando ando". Démoslle moito á cabeza, expoñemos moitas hipóteses, comprobamos que pasaba en diferentes situacións... e quedamos coa boca aberta!
A última semana do mes, que foi moi cortiña, metémonos de cheo nas actividades de Samaín. En clase fixemos cousiñas para decorar e desfrutamos da maxia da aula de luz para alucinar cos fantasmiñas que fixemos. Ademais participamos e desfrutamos das actividades conxuntas de todo o cole: lectura ás escuras, exposición de cabazas e merendola todos xuntos. Xa vedes que os nosos disfraces eran terroríficamente divertidos!
E por suposto non nos esquecemos da celebración máis especial do mes: Mael xa ten 5 anos! Desfrutamos moito coa visita da súa nai e do seu pai que compartiron cousas moi chulas con nós. Que emoción ver canto medramos!
Ningún comentario:
Publicar un comentario