Comezamos novembro con ganas e aproveitando moito o tempo, tanto na aula como no patio, porque o tempo fóra tamén está cheo de aprendizaxes con outras clases, o cal é moi enriquecedor. En novembro, todos os venres tivemos unha sesión con Vero, de Rexurdir, coa que estamos traballando as emocións, a resolución de conflitos...
A mediados de mes fixemos un obradoiro, grazas ao Concello de Marín, para traballar o día contra a violencia de xénero. Fernando e Eloi, de Prixma, fixeron, na nosa aula, un obradoiro de Stop Motion. Traballamos un montón toda a mañá: aprendemos que é un Stop Motion e vimos exemplos; pensamos un guión para representar; fixemos personaxes, escenario e aterezo; practicamos co noso corpo os movementos dos bonecos e vimos que tiñamos que facer un montón de fotos! Finalmente, con axuda de Eloi e Fernando, fomos movendo as personaxes e facendo as fotos. Estamos desexando ver a montaxe final con outros coles de Marín!
Novembro segue avanzando e nós pensando na sorte que temos porque, onde vivimos, os nenos e nenas temos moitos dereitos, e reflexionamos moito sobre isto polo día da infancia. Tamén seguimos facendo propostas creativas con tesoiras e pegamento, que nos encanta e nos axuda a traballar moitas destrezas, igual que as artistadas que facemos co profe Óscar. Seguimos achegándonos aos números, ás medidas, ao cálculo... traballando a lóxica matemática de forma manipulativa; o mesmo que a lectoescritura, coa que cada día temos máis motivación e ganas! Esta semana recibimos unha visita moi especial: encántanos que veñan compis de outras clases a ensinarnos o que aprenden e aprender xuntos!
E despedimos este mes compartindo un xogo novo, do Argalladoiro do cole, e que collemos prestado para fuchicar e ver cantas posibilidades ten. Chámase KORBO, e chegou entre o material de Polos Creativos. Sen dúbida vainos dar moitas horas de diversión e axudaranos a traballar moitos conceptos e destrezas.