luns, 23 de marzo de 2020

BOLETÍN DE ACTIVIDADES 3 ANOS

Ola familias!!! Dende a clase de 3 anos e dada a complexidade para o traballo telemático, queremos suxerirvos algunhas actividades. 


É importante que, na medida do posible e tendo en conta a realidade de cada familia, establezamos unhas rutinas diarias e un programa de actividades. É importante que programemos momentos de actividades individuais, para favorecer a autonomía persoal, e tamén en familia, para afianzar as relacións afectivas. 
Tamén sería positivo incluir tarefas de responsabilidade e colaboración, como as tarefas do fogar, xogos libres e dirixidos, actividade física e momentos de lectura. 

A continuación déixovos unha serie de exemplos que podedes facer nas vosas casas. 
Para entrar nos diferentes enlaces soamente tendes que premer nas palabras que están noutra cor.





TAREFAS DE RESPONSABILIDADE E COLABORACIÓN:
* Recoller xoguetes, facer limpeza (é un bo momento...)
* Axudar a facer as camas
* Axudar a poñer a mesa
* Axudar a facer algunha receita, apuntar os ingredientes, facer un debuxo do resultado final...
* Regar as plantas 
* Gardar a roupa nos armarios con axuda... 

ACTIVIDADES DIRIXIDAS EN FAMILIA: 
* Sería bo que intentedes facer as rutinas que facemos no cole todos os días e que serven para que o neno/a se sinta seguro e tranquilo ao longo da xornada. Estas rutinas repetitivas permítenos situarnos temporalmente na xornada e polo tanto establecer uns horarios, fomentar a autonomía a través de diferentes hábitos... Algunhas destas rutinas que podedes facer son: 
- Observar o día que fai (sol, nubes , choiva... e debuxalo nun calendario) 
- Que día da semana é? 
- Podemos ver cantos días faltan para a fin de semana, para un cumpreanos de alguén que coñezamos... 
- Deixade que se poñan e quiten a roupa soíños, se abotoen, vaian sós ao baño... 

* Ler contos (aquí déixovos un enlace a un conto que explica todo este tema dos virus e trae algunhas actividades que se poden adaptar a eles) e crear os nosos propios contos, buscar nos mesmos e recoñecer as letras dos nosos nomes, debuxar o conto, inventar outro final, buscar outro título ... 
* Xogar as adiviñas, veo-veo, ler poemas sinxelos e memorizalos, facer un debuxo sobre eles... 
* Xogos de mesa: parchís, dominó, oca, xogos de cartas... 
* Xogos para traballar a motricidade fina
* E sobre todo falar, falar moito. É esencial que faledes moito con eles/as, que deixedes que se expresen libremente, intentando non levar sempre o fío da conversa.




ACTIVIDADES DEPORTIVAS EN FAMILIA:
* Grazas a unha profesora doutro cole, aquí vos deixo uns retos para realizar ao longo deste período
* Podemos traballar a motricidade grosa e crear circuítos con cousas que temos na casa
* Ioga en familia 
* Aparte de toda a infinidade de achegas que podemos atopar en internet do tipo: danzas, coreografías, bailes, zumba en familia...

ACTIVIDADES DE TRABALLO INDIVIDUAL: 
*Neste ámbito inclúo todas aquelas actividades relacionadas coa manipulación: plastilina, colorear, debuxar, escribir, recortar, pasar obxectos de un envase a outro, contar, escribir, facer puzzles... 

ACTIVIDADES PLÁSTICAS: 
* Aquí vos propoño que participedes nesta actividade

OUTRAS ACTIVIDADES: 

* Facer un desfile de modelos, xogar a disfrazarnos, xogos populares, tocar instrumentos, facer sesión de cine, facer unha cabana dentro de casa, un pícnic...



Volver a recordarvos que podedes sacar fotos de todo o que vaiades facendo e envialas ao meu correo: profe.bearey.seixo@gmail.com e que calquera dúbida ou problema que teñades estou dispoñible para solucionala.

E para rematar dicir que nestes días que quedan pedímosvos calma, tranquilidade e sentido común, debemos facer caso das recomendacións e quedarnos nas casas: vexámolo como unha oportunidade de pasalo en familia.
Todo pasará e verémonos pronto!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario